Microplásticos na area: Guía do profesorado

Integra na túa aula este proxecto de Ciencia Cidadá

Desenvolve o teu proxecto de aula aportando valor nunha investigación sobre a contaminación por microplásticos nas costas galegas xunto a outras asociacións e escolas.

O plástico é un recurso útil debido as súas características: durabilidade, elasticidade, resistencia á temperatura. Nos anos setenta do século pasado considerábase que a fotodegradación e a oxidación eliminaban os residuos do plástico, pero pronto se comprobou que a velocidade de degradación e o resultado non eran os esperados.

Recentemente atopáronse microplásticos en diferentes profundidades dos mares e fondos mariños que nos levan a repensar se unha praia na que, a simple vista, non hai restos non orgánicos (gomas, plásticos, vidros…) está realmente libre de contaminación.

É por iso que, mentres a comunidade científica se encarga de valorar a cantidade de microplásticos que existen nos fondos mariños e na auga do mar, nós queremos colaborar avaliando a incidencia dos microplásticos nas praias da nosa contorna co proxecto de Ciencia Cidadá “Microplásticos na area”.

Nesta guía, que podes descargar libremente, o profesorado atopará as ferramentas necesarias para participar co seu alumnado no proxecto e colaborar na análise do estado das nosas praias.

É un recurso de DIXIT, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Consellería de Educación, para aproveitar as capacidades técnicas e innovadoras dos sectores tecnolóxico e audiovisual e os coñecementos pedagóxicos do profesorado galego, tendo en conta as súas necesidades, e para incrementar a oferta de recursos dixitais dispoñibles para a comunidade educativa galega.