O primeiro curso, en Arteixo
Voz Natura impartirá os días 9, 10 e 11 de febreiro, na sede central de La Voz de Galicia (Arteixo), o primeiro curso sobre a integración dos blogs nos proxectos ambientais dos centros educativos. Para este seminario inscribíronse xa profesores da Coruña, Arteixo e Culleredo, pero aínda quedan algunhas prazas libres polo que é posible INSCRIBIRSE AQUÍ.
Poderán participar todos os docentes responsables de proxectos Voz Natura nos centros de Galicia que están participando actualmente no programa da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre. Proximamente, o programa porase en contacto cos profesores para comunicarlles a súa admisión no curso.
O seminario terá unha duración total de nove horas e será impartido por Óscar Francesch Huidobro. En tres sesións, os profesores poderán coñecer con detalle o funcionamento da ferramenta para crear os cadernos e as posibilidades que lles ofrece para implicar tamén aos alumnos na súa creación. Óscar Francesch ofrecerá ademais algunhas claves sobre a integración dos cadernos no proxecto ecolóxico do centro e o seu potencial didáctico.
As clases serán impartidas en horario de seis a nove (os días 9 e 10) e de seis a oito da tarde (o día 11) nas instalacións da Corporación Voz de Galicia (Polígono Industrial de Sabón. Avda. da Prensa, 84 - 85. 15142 Arteixo. A Coruña).Os asistentes, un máximo de 20, recibirán diverso material de traballo.