O Comité Científico inicia a segunda rolda de visitas aos centros
Voz Natura é un programa educativo, pero con selo de calidade. A garantía póñena os integrantes do Comité Científico que a principios de febreiro comezarán un novo e importante capítulo da súa labor coa segunda visita aos centros.
Tras seis meses de traballo, os colexios, institutos e asociacións están xa na última fase dos seus traballos. Para comprobar que estes se desenvolveron de acordo coas premisas iniciais, os expertos de Voz Natura visitarán todos e cada un dos 244 proxectos que se están executando este curso, comezando polos da provincia de Ourense.
Conversarán con profesores e alumnos, percorrerán aulas e patios escolares pero tamén montes, ríos e outros ecosistemas onde as comunidades escolares están cambiando o panorama. Prestarán especial atención aos traballos que inclúen accións orientadas a frear o cambio climático, tema central desta edición.
Este contacto directo servirá tamén ao comité para seguir orientando os traballos -unha misión que realizan ao longo de todo o curso grazas á liña aberta que manteñen cos coordinadores de cada centro- e, ademais, para tomar nota das iniciativas máis destacadas con vistas á concesión dos premios desta edición. Os mellores proxectos serán recoñecidos co premio Galicia, os provinciais e os especiais do comité.