CAST | GAL

Décimo segunda edición (2008-2009)

Os profes volven á escola... de blogs

 
Os docentes involucrados en Voz Natura teñen moi claro que a reciclaxe é o futuro. E, para dar exemplo, comezaron por reciclarse eles mesmos. Reciclarse para subirse ao carro das TICS, as Tecnoloxías da Información e a Comunicación, neste caso, ao servizo da protección da natureza. Fixérono no primeiro curso sobre creación de blogs ambientais impartido en Arteixo.

Co obxectivo de converter os cadernos dixitais nunha ferramenta de traballo máis nas aulas e nun vehículo para difundir o compromiso ambiental do seu colexio, docentes da comarca coruñesa e da Costa da Morte asistiron os días 9, 10 e 11 de febreiro a un seminario na sede de La Voz de Galicia, en Arteixo. Foron os primeiros de Galicia en participar nestes cursos que, da man de Voz Natura, percorrerán toda a xeografía galega.

Grazas ás explicacións de Óscar Francesch, biólogo responsable do Blog Mestre de Voz Natura, os profesores abriron xa as bitácoras dos seus centros a través de WordPress, a ferramenta que Voz Natura pon a disposición dos 244 centros para crear a blogosfera Voz Natura. Ademais, trataron aspectos como a lexibilidade e o deseño dos cadernos, as ferramentas ás que poden recorrer para mellorar o contido e aspecto dos blogs, a moderación ou a administración de usuarios para dar entrada aos alumnos e converter o caderno nunha tarefa cooperativa.

O curso finalizou cunha visita ás instalacións centrais de La Voz de Galicia, onde os profesores poderán coñecer de primeira man como se elabora o xornal percorrendo a redacción, a área de impresión e o Museo Santiago Rey Fernández-Latorre.