Curso de blogs ambientais en Santiago
Docentes das comarcas de Santiago, O Sar, Muros e Barbanza asistiron en Santiago a un seminario sobre a integración dos blogs nos proxectos ambientais dos centros educativos.
Os profesores coñeceron de cerca o manexo e as posibilidades didácticas da ferramenta, Wordpress, que o programa da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre ofrece aos 244 centros involucrados na iniciativa para crear o seu propio caderno dixital ecolóxico.
O seminario -homologado pola consellería de Educación- finalizou o xoves 19 e estivo impartido por Óscar Francesch, biólogo responsable do Blog Mestre de Voz Natura. En tres sesións, os profesores coñeceron tamén as posibilidades que os cadernos dixitais ofrecen para implicar aos alumnos na súa creación e, xa que logo, achegalos ás novas tecnoloxías de información e comunicación.
As clases impartíronse na sala web da Facultade de Ciencias da Comunicación, no campus norte.