CAST | GAL

Décimo segunda edición (2008-2009)

As escolas infantís de Galicia reforestan e reciclan

 
Os catorce centros da Red Cativos realizaron unha plantación simultánea o pasado sábado. O seu traballo é un bo exemplo do labor que os máis pequenos de Galicia realizan a través de Voz Natura.

Pequenos de cero a tres anos, profesores comprometidos co medio ambiente e Voz Natura. Con estes tres ingredientes, ata cincuenta centros de educación infantil galegos están realizando programas de defensa da natureza este curso. Son preto de 3.000 -só neste tipo de centros- os nenos que, un ano máis, continúan demostrando que para protexer os ecosistemas non hai idade. As plantacións e a reutilización dos residuos son os temas predilectos.

Obviamente, a man dos adultos é decisiva para levar adiante estes proxectos. Os docentes son o primeiro eixo: eles deseñan, dinamizan e executan. O segundo, as familias que se involucran nas iniciativas que lles chegan desde o ámbito escolar.

Red Cativos
Pais e irmáns foron fundamentais para a actividade que desenvolveron o pasado sábado os máis de 400 alumnos da Red de Escolas Infantís Cativos. Os seus catorce centros, distribuídos por toda a xeografía galega, protagonizaron unha plantación simultánea de especies autóctonas doadas pola consellería do Medio Rural.

Distintos espazos da Guarda, Santiago, Vilagarcía, Ferrol, Oroso, Pontecesures, Vedra, Boqueixón, Ribeira, Cedeira, Mugardos, Pontedeume, Teo e Vilalba foron os escenarios desta xornada coa que os responsables do centro quixeron colaborar na protección do medio ambiente a través da reforestacion. Así, cada neno -coa axuda da súa familia- encargouse de plantar a súa árbore, segundo explicou a coordinadora dos proxectos Voz Natura, Sonia Míguens.

Esta actividade dos Cativos enmárcase nun proxecto máis amplo con tres temas esenciais: a reforestación dos bosques -continuando co proxecto iniciado hai tres cursos-, a reciclaxe e o cambio climático, a través do ciclo da auga.