Os centros súmanse á celebración do ano dedicado á biodiversidade
Co arranque do 2010 comeza a conmemoración do Ano Internacional da Diversidade Biolóxica, declarado por Nacións Unidas co obxectivo de sensibilizar á poboación mundial sobre a función vital que ten a biodiversidade no mantemento da vida na Terra.
Baixo o lema A biodiversidade é a vida. A biodiversidade é a nosa vida despregouse unha campaña mundial que inclúe actividades conmemorativas en varios países do mundo. En Galicia, unha das achegas destacadas virá desde o ámbito escolar, da man dos 260 centros que este curso participan na iniciativa de educación ambiental Voz Natura.
O programa da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre dedicou esta edición á protección da biodiversidade co obxectivo de fomentar proxectos relacionados co este tema. Ademais, as iniciativas dos participantes forman parte doutra rede global, neste caso a Conta Atrás 2010, auspisciado pola Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN) na que participan preto de mil colectivos de todo o planeta
Actuacións
Os centros Voz Natura súmanse a estas redes con actividades de sensibilización e outras de actuación directa. Manter a biodiversidade: pura necesidade! é o título do proxecto do colexio de Palmeira (Ribeira) no que realizan toda unha declaración de intencións. Os seus 240 alumnos están a estudar o cambio climático desde o punto de vista da biodiversidade, analizando os seus ecosistemas máis próximos.
En Pontevedra, o colexio Los Sauces está a realizar «unha análise, tanto no centro como nos espazos contiguos, de parámetros e indicadores ambientais (auga, aire, biodiversidade, enerxía, residuos, ruído, atmosfera)», segun o seu proxecto. Cos resultados, elaborarán «unha serie de estratexias que permitan modificar a nosa conduta de face a un mellor uso dos recursos, facelo de modo máis eficiente e sostible».
Os máis pequenos tamén traballan o tema da biodiversidade adaptado ás súas posibilidades. Fano así na escola de educación infantil muncipal Carricanta, da Coruña, onde se centran na variedade biolóxica do seu xardín.
Máis ambicioso é o plan de traballo da asociación A Fontaíña, de Vigo, onde, a través do voluntariado ambiental, protexerán a riqueza ecolóxica do litoral vigués.