CAST | GAL

Décimo cuarta edición (2010-2011)

Voz Natura inaugura unha nova edición coa auga como eixo central

 
Voz Natura arrinca o novo curso cun firme obxectivo: concienciar sobre o consumo responsable da auga. 
Para conseguilo, os 272 centros que este ano forman parte do programa ambiental da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre xa se puxeron ao choio cos seus proxectos.

 Limpezas de ríos e praias, recuperación de antigas fontes e lavadoiros públicos ou control dunha xestión sostible do consumo de auga no colexio son algunhas das actividades que os centros Voz Natura van desenvolver ao longo do ano para sensibilizar sobre a importancia de coidar este valioso recurso natural. 
Con esta nova edición Voz Natura cumpre catorce anos de compromiso coa recuperación e defensa da natureza galega.

Para tratar de contaxiar este labor ao maior número de xente posible, Voz Natura inicia o curso con forza non só nos centros do programa senón, agora tamén, nas redes sociais. Por iso, a súa páxina de Facebook converterase nun punto de encontro para os amantes do medio ambiente.

Desde o Facebook de Voz Natura poderase seguir o día a día do programa; a marcha dos proxectos que desenvolven os centros; as saídas de actuación directa (reforestacións, limpezas de ríos e praias...); e tamén se facilitará información sobre todas as novidades desta iniciativa ambiental.

O CEIP Celso Currás de Trabada traballa nos ríos da comarca 
Nesta nova edición de Voz Natura os alumnos do CEIP Celso Currás de Trabada (Lugo) estudan, a pé de campo, as causas do descenso de caudal que se produciu nos ríos da súa comarca e como afecta isto ao ecosistema. Ademais ao longo do curso contribuirán realizando limpezas fluviais.

CPR Os Sauces, exemplo de aforro e uso sostible da auga 
O CPR Os Sauces de Pontevedra (gañador do Premio Galicia 2010) revela as claves do éxito para este ano: inspeccionando o funcionamento das instalacións de auga no centro cada semana e controlando o seu consumo nas facturas, conseguen aforrar preto de 500 litros de auga diarios.

O CEIP Magaláns mantén limpas as praias da súa zona 
Moitos dos residuos que como o plástico chegan ao mar causan graves accidentes entre os peixes e as aves. O CEIP Magaláns (Pontevedra) coñece este problema, por iso traballa desde fai dez anos para manter limpas as praias da súa zona. Praias como a de Dorrón veranse beneficiadas este ano polo seu labor.

A Asociación Castro de Baión recupera antigos lavadoiros 
Este curso a Asociación O Castro de Baión (Pontevedra) rehabilitará antigos lavadoiros de gran valor histórico. Deste xeito, contribúe a recuperar o patrimonio etnográfico de Galicia e sensibiliza sobre o consumo responsable ao mostrar o volume de auga que se pode utilizar só para lavar roupa.