CAST | GAL

Décimo cuarta edición (2010-2011)

Este ano o Programa Voz Natura quere animar aos amantes da natureza a converterse en reporteiros ambientais e a mostrar en imaxes como se traballa en favor do medio ambiente. Non fai falta experiencia previa, bastará con ter ganas de compartir o interese e compromiso polo coidado ao medio natural con toda a comunidade Voz Natura.

  A crecida dun río logo das choivas, os distintos trucos caseiros que se utilizan para aforrar auga ou a caída das follas no outono poden ser feitos noticiosos para estes futuros reporteiros, como tamén o son cada un dos proxectos que desenvolven os centros Voz Natura. Exemplo deles son os traballos de erradicación de especies foráneas, como a cortaderia da pampa e o cartobrotus, e as repoboacións dos bosques con carballos, castaños ou nogueiras.

O que o programa pretende con esta iniciativa é fomentar enfoques diferentes e creativos en contidos sobre medio ambiente e que os participantes anímense a recoller en imaxes todas esas noticias sobre natureza que habitualmente pasan desapercibidas.

O programa educativo da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre busca xente que informe por medio de fotos ou vídeos da actualidade ambiental da súa zona para despois difundir eses contidos a través dos soportes dixitais de Voz Natura. A web, o Facebook e a canle de YouTube do programa serán o escaparate destas reportaxes, que poderán subirse directamente no muro de Voz Natura ou enviarse a voznatura@lavoz.es. O móbil, a cámara de fotos, a de vídeo ou ata o MP4 servirán para que estes xornalistas noveis mostren coas súas imaxes como se protexe o medio ambiente no seu colexio, pobo, cidade... Mostrar a beleza da natureza en todo o seu esplendor ou a forma na que se pode contribuír á súa mellora axudará a estender o compromiso de Voz Natura co medio ambiente.