CAST | GAL

Décimo cuarta edición (2010-2011)

Voz Natura deixa a súa pegada en África coa construción de dous pozos

 
Centros do programa incluirán esta actividade solidaria dentro do seu proxecto para mostrar o valor da auga ao seu alumnado.

O labor ambiental de Voz Natura viaxará este curso ata Burkina Faso e Etiopía, onde traballarán respectivamente o CPR Sacro Corazón das MM Mercedarias (Ferrol) e o CPR Cervantes (Lugo) na construción de pozos de auga potable. Desde que Voz Natura comunicoulles o tema da presente edición, a auga como fonte de vida, ambos os centros tiveron moi claro que dedicarían unha parte importante do seu proxecto a esta acción solidaria. E é que, segundo comentan ao programa moitos profesores, concienciar aos nenos galegos sobre a importancia da auga non é fácil. «Eles abren a billa e sae auga corrente, en Galicia a auga é abundante, por iso non acaban de entender que noutros sitios sexa un tesouro», apunta Gonzalo Castro, responsable do proxecto Voz Natura no colexio Cervantes.

Por iso, os dous centros viron nestas accións a posibilidade de cambiar a mentalidade do seu alumnado. «Lerlles aos mozos os e-mails que nos envían desde a escola na que construiremos o pozo para contarnos o seu día a día axúdalles a ver as necesidades reais de auga que existen no mundo», comenta Francisco Requejo, coordinador de proxecto no colexio Mercedarias.

Actuacións solidarias 
Máis de 10.000 euros son os que se propón reunir a finais de curso o colexio Mercedarias para que os alumnos do Centro de Formación Profesional Louis Querbes en Banfora (Burkina Faso) poidan construír un pozo co que dispor de auga potable.

Desde que arrincaron o curso en setembro, este centro ferrolán puxo en marcha un completo plan de actividades: festivais solidarios, nos que os nenos realizarán bailes e obras de teatro relacionados coa auga; poxas de sobremesas ou ata chocolates solidarios na hora do recreo servirán de escusa para recadar fondos para a súa causa á vez que conciencian sobre a importancia de coidar dun recurso natural tan prezado como a auga.

Os alumnos do colexio Cervantes tamén levan varios meses traballando na revista coa que intentarán financiar o pozo que teñen previsto construír en Etiopía a través dunha oenegué.

A publicación, que terá a auga como tema central, recollerá entre outras cosas estudos sobre o río Miño, unidades didácticas sobre o sistema de depuradoras da zona luguesa e contará coa colaboración dalgún que outro personaxe coñecido.

Para contribuír ao desenvolvemento de todas estas accións ambientais e continuar favorecendo ao medio natural, o programa Voz Natura conta co patrocinio da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Medio Rural, a Deputación Provincial da Coruña, Cabreiroá, Sogarisa, a Fundación Gómez Franqueira e a Fundació Agbar. O programa conta tamén coa colaboración de Obra Social de Caixa Galicia, Begano-Coca-Cola e o Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais da Coruña (Coeticor).