Os centros Voz Natura prepáranse para reforestar no Ano Internacional dos Bosques
Tan só na pasada edición os participantes plantaron preto de 30.000 árbores autóctonas.
O 2011 foi declarado pola ONU como Ano Internacional dos Bosques co obxectivo de chamar a atención sobre os perigos que axexan a estas superficies naturais. Por este motivo, os centros Voz Natura, que levan 14 anos reforestando os montes galegos xunto ao programa ambiental da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, comezaron a prepararse con máis ilusión que nunca para seguir pintando de verde Galicia.
Voz Natura ten a gran sorte de contar entre os seus participantes con auténticos especialistas na recuperación dos bosques. Tan só o ano pasado, preto de 30.000 exemplares autóctonos repoboaron os montes galegos grazas ao traballo dos colexios, escolas taller e asociacións que participan no programa.
Se se quere ver profesionalidade á hora de plantar unha árbore nada como acudir a unha das moitas reforestacións que realiza o CEIP Refoxos de Oia (Pontevedra). "Os nenos teñen tanto adestramento que chegaron a plantar cen árbores nunha soa mañá" comenta Nuria Abuín, coordinadora do proxecto Voz Natura no centro. Tendo en conta que este colexio preocúpase de que ata os nenos máis pequenos poidan implicarse neste tipo de actividades, xa sexa suxeitando a árbore que van plantar ou pisando a terra para compactala, non é de estrañar que cando se fan maiores sexan todos uns expertos. "Ata acaban sendo os alumnos os que ensinan aos mestres", comenta a coordinadora.
Para realizar este tipo de plantacións é necesario, ademais de saber facer, involucrarse ao cento por cento co proxecto, algo que sabe moi ben o CEIP Frei Luís de Granada de Sarria (Lugo). Fai case catro anos, os alumnos deste centro propuxéronse o firme obxectivo de reconverter un antigo vertedoiro nun espazo verde, o seu esforzo e ilusión fixo que o Concello de Sarria tamén se implicase no proxecto e ano tras ano colabora con eles ofrecéndolles brigadas que lles axudan a cavar os hoyos onde plantarán. Pero o traballo non termina aí, o centro tamén realiza numerosas saídas para comprobar como evolucionaron as árbores que plantaron o ano anterior e para introducir nova flora. É así como este centro logrou dotar con máis de 300 árbores autóctonas a unha zona na que xa ninguén recorda o lixo.
Para contribuír ao desenvolvemento das súas accións ambientais e continuar favorecendo o patrimonio natural de Galicia, o programa Voz Natura conta co patrocinio da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Medio Rural, a Deputación Provincial da Coruña, Cabreiroá, Sogarisa e a Fundación Agbar.