CAST | GAL

Décimo cuarta edición (2010-2011)

Voz Natura consolida e amplía a súa comunidade virtual

 
Teñen tempo para mancharse as mans plantando, para mollarse os pés limpando un río e para cargar co lixo dun vertedoiro incontrolado ata o punto limpo máis próximo. Con todo, a comunidade Voz Natura tamén fai un oco nas súas axendas para contarlle ao mundo a importancia que teñen as súas accións e lograr así sumar apoios para a causa eco.

Con ese obxectivo naceu a páxina en Facebook do programa. A través dela, pódese seguir o calendario de traballo dos centros e estar ao día de todas as actividades que realizan para coidar a súa contorna. Este espazo converteuse nun punto de encontro para todos aqueles con inquietudes ambientais, participen ou non nesta iniciativa, e cada día incrementa o seu número de seguidores.

Blogueiros 
No ano 2007, a organización do programa lanzou un reto aos participantes: crear o seu propio blogue a través do cal contar a súa experiencia ecolóxica. Ese primeiro ano, naceron quince bitácoras. Hoxe, son xa 179 os cadernos dixitais que conforman a comunidade blogueira de Voz Natura.

Entre os máis activos, destacan os blogues do colexio Alcalde Xosé Pichel, de Coristanco o colexio Cervantes, de Lugo ou o CRA de Teo, con distintos blogues para cada unha das súas aulas, entre outros. Nos blogues, profesores e alumnos mostran as súas iniciativas e colgan fotos e vídeos dos seus traballos. Accede aquí aos blogues dos centros.

Para axudarlles nesta tarefa, o programa mantén un Blogue Mestre, Blognatura, e impartíronse máis de 300 cursos formativos para docentes.

O xerme desta comunidade virtual é esta web, que ao longo do ano pasado, recibiu preto de 120.000 visitas e logrou un total de 1.630.630 páxinas vistas.