CAST | GAL

Décimo cuarta edición (2010-2011)

Os estudantes Voz Natura practican a regra das 3 erres

 
Nenos e adolescentes vólvense ben ordenados á hora de coidar o medio ambiente. E é que os máis de 45.000 que este curso participan en Voz Natura teñen moi claro que cada cousa vai no seu sitio cando se trata de residuos. Redución, reutilización e reciclaxe son máximas dos proxectos ecolóxicos.Nos centros dispón de colectores para separar papel, plástico e vidro, pero tamén recollen restos orgánicos, pilas, aceites usados, móbiles, cartuchos de tinta, cedés... 

O CPI Monte Caxado, das Pontes, é unha referencia neste campo. Xa en 1995, antes mesmo da creación de Voz Natura, comezaron coa recollida selectiva de papel que deu lugar ao nacemento da súa aula de medio ambiente. Hoxe, a coordinadora de Voz Natura no centro, Fina Blanco, afirma que dispón de colectores de separación nas aulas, un punto limpo no patio, fan compost para o seu horto e xabón co aceite usado. Van xa polo 12º concurso de reciclaxe no que nenos e pais presentan os seus traballos e os gañadores incorpóranse ao seu museo da reciclaxe. 

Na Coruña, o Ceip Sanjurjo de Carricarte dedica o seu proxecto a este tema: os alumnos elaboran murais con materiais reciclados e dispón dun recuncho con recollida selectiva de todo tipo de residuos. Destaca tamén o proxecto do IES Monte Castelo, de Burela, onde ademais de separar e reciclar, elaboraron unhas impresionantes vidreiras con materiais reutilizados que colocaron na entrada do centro. 

Beneficios por partida dobre 
O obxectivo final destas actividades é concienciar aos pequenos e lograr que interioricen condutas ecolóxicas. Con todo, nos centros de educación especial as vantaxes increméntanse xa que tamén contribúen a mellorar aspectos como a motricidad ou a atención dos alumnos. 

Dous exemplos son o CPR Menela, de Vigo, onde levan máis de dez anos reciclando, e o centro de día Coral Seoane da asociación ASPANAES, de Ferrol, no que constrúen papeleiras de reciclaxe para colocar na súa contorna. Ambos traballan con persoas con transtorno do espectro autista.