O comité científico Voz Natura apura o fallo dos premios
En tres semanas haberá veredicto. Logo dun curso de traballo ambiental a través de Voz Natura, agora tócalle a quenda ao comité científico. Os expertos do programa acaban de finalizar a segunda rolda de visitas aos 272 centros participantes e, agora, encaran o seu momento máis difícil: o fallo dos premios desta 14ª edición.
Para chegar ao ditame final, o comité terá en conta tanto as memorias que presentarán este mes os centros como as súas impresións tras coñecer os traballos en primeira persoa. José Antonio Díaz Núñez, portavoz do comité, augura unha «difícil decisión» nun curso no que destaca «a importante carga solidaria que levan moitas actuacións».
Colexios pequenos
Díaz Núñez asegura que este curso -no que a gran maioría dos centros inclúen nos seus proxectos multidisciplinares accións relacionadas coa auga- despuntaron os centros máis pequenos. «Colexios de menor tamaño, con pouco alumnado e, por iso, menos potencial a priori, están realizando proxectos verdadeiramente grandes», conclúe.
No seu balance da edición, o comité de expertos valora tamén o incremento de asociacións participantes e considera a súa principal vantaxe o intercambio intergeneracional que levan ao participar nun mesmo traballo nenos, pais e, ata, avós.