Voz Natura acusa a seca
«Cheira a fume todo ou día, a cinza métese nas casas, o sol está vermello. Ver tanta destrución fai que che salten as bágoas». Con esta mensaxe no Facebook de Voz Natura, o equipo do ANPA O Recreo do CEIP Manuel Bermúdez de Castro (A Pobra de Trives) resumía os seus sentimentos ante os incendios que afectaron a Galicia nas últimas semanas -máis de catrocentos en poucos días-.
Con todo, os responsables deste traballo Voz Natura centrado nos bosques da súa comarca viron nesta situación un aliciente para seguir traballando: «Agora máis que nunca vemos que o noso proxecto e a nosa labor de concienciación, informando e formando aos nenos sobre as consecuencias do lume, teñen enorme valor», comentan na rede social do programa que serve de punto de encontro para toda a comunidade Voz Natura.
O lume foi o peor inimigo dos proxectos Voz Natura deste curso -especialmente dedicado ás reforestacións- pero non o único. E é que o feito de que este sexa o segundo ano máis seco desde 1960 tamén está pasando factura ás previsións de actuación de colexios e institutos. Son xa preto de sete meses sen choiva de calidade e os ecosistemas reséntense.
O lume e a escaseza de choiva afectarán ás plantacións. A gran maioría dos centros participantes en Voz Natura teñen previsto reforestar este curso. Algúns montes foron vítimas do lume e, a xuízo do comité científico do programa, se a situación de falta de choivas persistise, poderíase atrasar a época adecuada para as plantacións, que adoitan comezar a finais de ano.
Aulas de natureza: sen rastro de recuperación tras o verán. Coas primeiras choivas do outono reverdecen as aulas de natureza e os hortos que teñen os centros. Con todo, a falta de choivas provocou que as biocenosis non se recuperen como é habitual tras o verán.
As semanas micolóxicas, en compás de espera. Pouca auga e moito calor é unha mala combinación para os amantes da micoloxía. Este outono atípico provocou que as semanas micolóxicas que programan cada ano nalgúns centros se vexan atrasadas ou reducidas en cantidade e calidade. Uns dos maiores expertos micólogos de Voz Natura están en Muxía, no CEIP Vilarmide. O coordinador do proxecto alí, Eduardo Noia, prognostica que este ano a súa tradicional exposición de cogomelos, prevista para o 4 de novembro, non será tan ampla e, ata, poida que teñan que atrasala se non conseguen exemplares.