CAST | GAL

Décimo quinta edición (2011-2012)

Os equipos de Voz Natura crean as súas patrullas ecolóxicas

 
Reducen, reutilizan e reciclan. A regra das 3R´s está interiorizada nos centros educativos que participan en Voz Natura que, cada vez máis, están a pór o acento na primeira parte do proceso: a correcta separación dos residuos.

Nos colexios e institutos, os propios alumnos instalan recipientes de todo tipo para recoller por separado o lixo que producen e, posteriormente, trasladalo aos puntos de recollida establecidos.

En centros como o CEP Xosé Neira Vilas, de Gondomar, os escolares agrúpanse en brigadas ambientais -que neste caso denominan VIMAs: vixiantes do medio ambiente- que se encargan de vixiar que os seus compañeiros separen adecuadamente os residuos, non tiren lixo ao chan, respecten as árbores...

No CEIP Ricardo Gasset, do Incio, a brigada ecoloxista traballa na reciclaxe de papel e aceite, aforro de enerxía ou detección e denuncia de vertedoiros incontrolados. Aceite, pero tamén tóners, móbiles ou cedés reciclan no CEIP A Lomba, de Vilagarcía de Arousa. Neste colexio aproveitan os restos das merendas e do comedor escolar para facer compost, un práctica que tamén realizan no IES María Sarmiento, de Viveiro, ou o CEIP Sanjurjo de Carricarte, da Coruña, entre moitos outros.

Cada vez máis, os equipos Voz Natura fíxanse en todo tipo de residuos e fomentan a recuperación de pilas, aceites domésticos usados -o CPI Domingo Fontán, de Portas recólleos e recicla- ou baterías.

Seleccionados por Sogama 
Este curso, catro centros participantes en Voz Natura foron seleccionados por Sogama para participar, xunto con outros seis, nun proxecto piloto de recollida selectiva a través da implantación de illas de reciclaxe e composteiros nos propios centros. Trátase de CEIP San Xoán de Filgueira (Ferrol), a EFAG Fonteboa (Coristanco), o CPR Cervantes (Lugo) e o CPR Vila do Arenteiro (O Carballiño).

O programa inclúe actividades formativas para os docentes e un seguimento da actividade para certificar a calidade da separación dos residuos.