CAST | GAL

Décimo quinta edición (2011-2012)

O entroido Voz Natura recrea a vida do bosque

 

As árbores como elementos centrais do ecosistemas; mariquitas, mouchos e abellas como representantes do reino animal; o lume que axexa o monte, os bombeiros que loitan para combatelo e os excursionistas, fadas, elfos ou gnomos no papel de habitantes. Todos eles compón o universo do entroido en diversos centros que participan este curso en Voz Natura e que optaron por vincular esta celebración co seu proxecto ambiental.

Os oitenta alumnos do CRA Nosa Señora do Faro, de Ponteceso, e as súas profesoras foron dos primeiros en pór en escena a vida do bosque. Fixérono nun festival no que se divertiron e concienciaron da necesidade de protexer estes ecosistemas.

En Santiago, no CPR Santa Apolonia houbo flores, follas, árbores, lume... Todos os cursos participaron nunha representación cun fío argumental relacionado cos incendios forestais e, tamén, en clave reivindicativa e de denuncia.

O CEIP Curros Enríquez, de Celanova, levan quince anos participando en Voz Natura -desde a posta en marcha do programa- e procuran relacionar as súas actuacións ambientais coas demais que realizan no centro: «Buscamos que todas as actividades como o magosto, o Día da Paz ou o entroido teñan un vínculo con Voz Natura. Por iso, este ano eliximos o tema do bosque e todos os disfraces están elaborados con material de reciclaxe», indica a coordinadora do proxecto ambiental do centro, Encarnación Martínez.

Música 
Na Escola de Educación Infantil San Roque, de Viveiro, aos disfraces sumaron a música xa que unha das profesoras animou ata a compor unha canción para conmemorar a festa.

O CPR Cervantes (Lugo) ou o CEIP Pino do Val (Mazaricos), entre moitos outros centros educativos, tamén aproveitaron o entroido para pór en valor os bosques e fomentar a súa protección.