Las reforestacións centran os traballos en marzo
Miles de escolares galegos e os seus profesores están tomando os montes estes días provistos de pas, luvas e aixadas. Son os equipos Voz Natura que converteron marzo no mes das plantacións. As súas actividades ambientais repártense ao longo de todo o curso pero é agora cando, animados pola melloría do tempo e a conmemoración neste mes do Día Forestal Mundial, realizan a maior parte das plantacións previstas nos seus proxectos.
Nos últimos días rexistráronse actuacións nas catro provincias e, segundo as previsións dos centros educativos, todo o mes será igual de intenso.
En Ourense, os montes de Toén foron escenario dunha nova reforestación a cargo dos alumnos do colexio Maristas. Os estudantes do colexio Guillelme Brown, do Pereiro de Aguiar, repoboaron con 200 exemplares de especies autóctonas un monte afectado polos incendios do pasado outono no concello de Maceda.
En Pontevedra e Lugo traballaron desde educación infantil ata os institutos. Así, os pequenos das escolas infantís Cativos de Pontecesures e Vilagarcía, solicitaron apoios familiares e realizaron o pasado sábado dúas plantacións simultáneas nos montes da zona. Pola súa banda, oitenta alumnos de catro e cinco anos e os seus profesores da escola infantil de Sarria reforestaron na zona das Insuas.
Os maiores puxeron ao choio na Illa de Arousa -onde os alumnos do instituto local plantaron castaños e carballos do seu propio viveiro- e nos montes de San Miguel de Tabagón, no Rosal -a cargo dos alumnos do IES A Sangriña, da Guarda-.
Na provincia da Coruña, os escolares do colexio Mercedarias de Ferrol fóronse ao seu concello veciño de Narón onde reforestaron unha parcela con 100 árbores autóctonas e colocaron caixas niño para os paxaros.
Para rematar, os alumnos do colexio Jaime Balmes, de Noia, quentaron motores para a plantación que protagonizarán o próximo día 20 -organizada por Voz Natura e Coca Cola para conmemorar o Día da Árbore- cunha reforestación en Lesende, no concello de Lousame.