CAST | GAL

Décimo quinta edición (2011-2012)

O colexio Cervantes gaña o premio ao mellor blog

 
Practicamente todos os días (ata algúns fins de semana), o blog Voz Natura do colexio Cervantes, de Lugo, actualízase con contidos relacionados coas moitas e interesantes actividades ambientais que se realizan no centro. O seu proxecto de actuación ecolóxica este curso -titulado O noso bosque encantado- é moi amplo e a súa gran capacidade para trasladar estas actividades ao seu caderno dixital é o que lle valeu o recoñecemento como mellor blog deste curso, 2011-2012.

Á fronte do blog do colexio Cervantes está a profesora María Teresa Vilanova Rodríguez, que recibirá como premio polo seu traballo un iPad con conexión wifi 3G. O galardón entregarase no transcurso da festa de fin de curso de Voz Natura, que se celebrará o sábado día 2 de xuño no parque de Acea de Ama (Culleredo).

Mencións especiais 
Ademais do caderno gañador do certame, obtiveron unha mención especial outros catro blogs Voz Natura. Trátase dos cadernos dixitais da escola de Casalonga, do CRA de Teo; do colexio Jaime Balmes, de Noia; da Escola de Educación Infantil Barrionovo, de Arteixo , e do CEIP Santo Paio de Abaixo, de Redondela.

A comunidade bloguera de Voz Natura está formada por 214 cadernos dixitais que se converteron nun punto de encontro para todos os participantes no programa da Fundación Santiago Rei Fernández-Latorre.