CAST | GAL

Décimo quinta edición (2011-2012)

Voz Natura despide unha edición dedicada a reforestar os montes

 
O curso 2011-2012 quedará na historia de Voz Natura como a edición en que máis nenos e mozos saíron aos montes de Galicia para recuperar os ecosistemas e reforestar. Máis de 48.000 estudantes participaron neste curso e a gran maioría dos 288 traballos ambientais que realizaron inclúen plantacións, sempre con especies autóctonas, ou están completamente dedicados a esta actividade.

«Reforestemos» foi o lema adoptado polo programa de educación ambiental da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre nesta edición, sumándose á declaración de Nacións Unidas do 2011 como Ano Internacional dos Bosques. Voz Natura tamén participou este curso noutra iniciativa do programa de medioambiente a ONU, a campaña Plantemos para o Planeta.

Actividades 
Ao longo da edición que agora termina realizáronse diversas actividades formativas orientadas a facilitar aos centros educativos novas ferramentas para desenvolver os seus proxectos.

Relacionado coa temática do curso, Voz Natura e a Garda Civil desenvolveron un programa de charlas grazas ao cal axentes do Servizo de Protección da Natureza (Seprona) visitaron colexios e institutos para falar cos máis novos sobre a prevención dos incendios forestais e para explicarlles os pormenores do seu traballo.

Fóra do recinto escolar e abertos a todo o mundo, Voz Natura e Bricor organizaron diversos talleres para conmemorar as efemérides ambientais máis destacadas e chamar a atención sobre a necesidade de involucrarse activamente na protección da natureza. As actividades desenvolvéronse entre o mes de novembro e o pasado fin de semana, durante sete xornadas, e referíronse aos Días Mundiais dedicados aos bosques autóctonos, ao non uso de praguicidas, á eficiencia enerxética, ás reforestacións, ao auga e á reciclaxe.

Entre estas efemérides, a máis destacada foi o Día da Árbore. Así, Voz Natura conmemorou a data cunha gran plantación en Noia na que máis de catrocentos alumnos do colexio Jaime Balmes -posteriormente seleccionado como gañador do Premio Galicia do curso- compartiron unha xornada de plantación co conselleiro de Medio Ambiente, Terriotorio e Infraestruturas, Agustín Hernández.

Visitas ao Aquarium Finisterrae 
Por segundo ano consecutivo, os centros participantes no programa Voz Natura foron este curso invitados de excepción no Aquarium Finisterrae da Coruña, grazas a un acordo subscrito entre o Concello desta cidade e a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre.

Máis de 750 alumnos, repartidos en dezasete grupos, accederon gratis á Casa dos Peixes ao longo de pasado mes de abril e gozaron de visitas exclusivas. Os centros Voz Natura recibiron unha atención especial, asistindo a sesións na Oceanosfera -un proxector esférico dixital que permite mostrar simulacións de fenómenos mariños, atmosféricos e oceanográficos a escala global- dirixidas por monitores do centro.

Ademais, os máis pequenos realizaron visitas guiadas aos espazos e actividades máis emblemáticos do Aquarium Finisterrae como a sala Nautilus, a Charca das Caricias ou a piscina das focas.