Os equipos Voz Natura achéganse ás renovables
A promoción das enerxías sostenibles e o fomento do aforro enerxético son os temas destacados deste curso Voz Natura. Moitos dos equipos participantes puxeron en marcha nos seus propios centros plans de aforro enerxético e algúns deron un paso máis e experimentan coas renovables con orixinais actividades.
Así, os hortos escolares convertéronse este curso nun escenario perfecto para aproveitar o potencial das fontes sostenibles. É o caso do colexio Jorge Juan, de Fene, onde segundo explica o coordinador de Voz Natura, Emilio Vilariño, propuxéronse aproveitar a auga de choiva para instalar un sistema de rego por goteo impulsado a través de enerxía solar.
En Valga, o equipo do CEP Xesús Ferro Couselo recorrerá á enerxía solar e á eólica para instalar luces e rego no seu horto e tamén para crear un sistema de depuración ecolóxico na charca que construíron hai tres anos dentro doutro proxecto Voz Natura. Francisco Javier Sánchez Bouzón, profesor responsable do proxecto, comenta que agora, como paso previo, están informando aos alumnos sobre as renovables nas aulas e o próximo mes poñerán en marcha estas actividades con apoio do persoal do Concello.
Enfoques segundo a idade
Ademais dos hortos, profesores e alumnos tamén apostan polas renovables dentro das aulas. Neste sentido destaca o traballo do instituto Rafael Dieste, da Coruña, onde este curso proseguen co seu proxecto para conseguir que a aula de tecnoloxía sexa autosuficiente a nivel de iluminación grazas a placas solares e a un xerador eólico. O coordinador de Voz Natura no centro, Santiago Bravo, explica que abordan o traballo por fases e agora «unha parte do aula xa funciona de forma autónoma durante toda a mañá».
Os máis pequenos de Voz Natura tamén se achegan ao tema na medida das súas posibilidades. Así, por exemplo, na EI Carricanta, da Coruña, e na EEI Vagalume, de Vilagarcía, os máis pequenos participan en senllos proxectos nos que investigan sobre o vento como fonte energética.