CAST | GAL

Décimo sexta edición (2012-2013)

O colexio Seminario de Lugo, premio Galicia de Voz Natura

 
Un traballo multidisciplinar no que destacan os valores solidarios, a vocación de contaxio a toda a comunidade escolar e a aplicación intensiva da tecnoloxía para obter enerxías alternativas e aforrar recursos foron os motivos polos que o comité científico de Voz Natura decidiu conceder o premio Galicia deste curso ao Colexio Seminario Diocesano Sagrado Corazón de Lugo. O seu traballo foi seleccionado entre os 298 que se realizaron nesta 16ª edición do programa de educación ambiental auspiciado pola Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre.

Un equipo de corenta alumnos de Secundaria do Seminario, baixo a coordinación do profesor Miguel Leiva, desenvolveu o proxecto «Encargados». Unha das súas actuacións máis destacadas realizárona nunha leira abandonada —xunto a unha reitoral en fase de recuperación na parroquia de Santa Comba— onde crearon un horto solidario no que os propios estudantes cultivan hortalizas e plantan froiteiras para despois levar a colleita ao comedor social San Froilán. O comité destaca no seu ditame que se ocuparon do aforro de enerxía e recursos utilizando a tecnoloxía para producir biodiésel e aparellos cos que manteñen o seu horto sen necesidade de enerxía externa». O seu proxecto incluíu ademais a recuperación duns viñedos na Ribeira Sacra, que xa producen viño, e a reciclaxe de materiais de refugallo que converteron en utensilios e xoguetes. Na concesión do premio, o comité científico valorou tamén a traxectoria do centro no programa e o feito de que o seu traballo no curso 2012-2013 supoña «a culminación con éxito de anos de entusiasta dedicación a Voz Natura».

O premio consiste en 5.000 euros para investir nas súas próximas actuacións ambientais. No caso dos gañadores provinciais, a contía é de 1.500 euros para cada centro.

A CORUÑA | NUESTRA SRA. DEL CARMEN
«A terra nas nosas mans». Os alumnos do colexio Nuestra Señora do Carmen, de Fisterra, realizaron un proxecto moi diverso que incluíu reforestacións no Monte do Cabo e limpezas na praia de Langosteira. Construíron un invernadoiro ecolóxico, implicáronse coas renovables, reciclaron e fomentaron o uso da bicicleta. O comité destaca deste proxecto «o seu carácter concienciador e o seu compromiso cunha contorna moi sensible».

LUGO | COLEXIO TORRE DE LEMOS 
«Enerxías alternativas, ou futuro». O colexio Fundación Educativa Torre de Lemos, de Monforte, é o gañador na provincia de Lugo por un «proxecto multidisciplinar e sensibilizador que incide na necesidade de utilizar enerxías alternativas e protexer a contorna». O equipo Voz Natura construíu fornos solares, traballou no seu horto escolar, reciclou materiais e tamén protexeu e reforestó o monte na contorna da Ribeira Sacra.

OURENSE | CEIP BEN-CHO-SHEY 
«Con Bencho, coidamos o noso medio». Experimentos científicos, obras de teatro, cómics, charlas, novas tecnoloxías... No CEIP Ben-Cho-Shey, do Pereiro de Aguiar, todo vale para lograr a sensibilización ambiental dos alumnos. O seu proxecto, creativo e orixinal, levoulles a visitar e axudar na protección do encoro de Cachamuíña e a crear no centro unha aula de natureza «cunha clara vocación de continuidade e participación».

PONTEVEDRA | CPI DE PANXÓN 
«Do pedernal a fusión». Participan por primeira vez en Voz Natura e levan dobre premio: o provincial ao mellor traballo e o recoñecemento ao mellor blogue do curso. A comunidade educativa do CPI de Panxón, en Nigrán, realizou talleres de enerxías sostibles, construíu unha charca, traballou a súa horta, plantou árbores, reciclou e non descoidou tampouco o medio mariño. Multitude de actividades para promover un clima de reflexión crítica e actitudes responsables coa contorna.

INFANTIL | EEI BARRIONOVO 
Cincuenta alumnos da Escola de Educación Infanltil Barrionovo, de Pastoriza-Arteixo, coa súa profesora María José Pousa á fronte, desenvolveron este curso o traballo titulado «Barrionovo - Territorio Sostible», polo que conseguiron o premio ao mellor proxecto infantil da edición. 
Trátase dun traballo consolidado tras moitos anos de participación en Voz Natura a través do cal os pequenos coidaron o seu horto escolar e concienciáronse sobre a importancia de aforrar enerxía e utilizar fontes sostibles. Elaboraron orixinais traballos artísticos con materiais reciclados e ata reflexionaron sobre o cambio climático e o consumo responsable a través do seu blogue, de contos e, incluso, de curtos cinematográficos.

FESTA FIN DE CURSO 
A escola infantil Barrionovo recibirá o seu premio —consistente nun lote de agasallos cortesía del Corte Inglés— na festa fin de curso Voz Natura que se celebrará o sábado 1 de xuño no parque de Acea de Ama (Culleredo-A Coruña) con entrada libre e participación gratuíta en todas as actividades.