CAST | GAL

Décimo sétima edición (2013-2014)

Voz Natura incorpora os proxectos de 18 novos colexios

 
É a primeira toma de contacto co proxecto Voz Natura para 18 centros escolares. Un total de 308 colexios están inscritos no seu XVII edición, cuxo tema central este ano versará sobre o medio acuático, concretamente as praias e ríos galegos.

Nesta nova edición do programa Voz Natura, no que colaboran a Consellería de Medio Ambiente, a Deputación da Coruña, El Corte Inglés e a Fundación Ramón Areces, os mellores traballos de concienciación e respecto da natureza lánzanse á protección e revitalización de ríos e costas.

Entre os que debutan este curso destaca o CPR Rosalía de Castro, de Vigo. Dous dos tres coordinadores do centro, Iria Guntín e José Manuel Carneiro contaron en Radio Voz que o seu programa, bautizado como Raizame, pretende recuperar a memoria natural dos nosos maiores e a súa convivencia e sabedoría. A sustentabilidade é o motor do proxecto do centro vigués, que contempla unha serie de actividades sobre os ciclos da materia. Para iso os alumnos realizarán un compostero cos restos das merendas, recuperarán plásticos, fabricarán xabóns e incluso lámpadas con tetrabriks, pois todo é reutilizable. A aposta polas enerxías limpas ten un oco na axenda do colexio, xa que intentarán crear un forno solar. Igualmente, os alumnos visitarán e avaliarán o río Lagares e zonas costeiras como os areais da zona do Bao.

Outro dos centros participantes en Voz Natura é o IES Illa de Sarón, de Xove, na Mariña lucense. O coordinador do proxecto, José Ramón Casas, pretende fomentar entre os alumnos prácticas dirixidas ao respecto do medio ambiente, cun plan sobre o río da Rigueira. Para iso traballarán no estudo dun tramo da canle fluvial co fin de determinar medidas de intervención futuras. Avaliar a saúde do río e buscar solucións ás problemáticas dos seus bosques ribeiregos será tarefa na que os nenos de cuarto curso da ESO veranse involucrados. Segundo Ramón Casas, o obxectivo é coñecer a importancia da auga.

Para rematar, a asociación ambiental Sustinea, que repite participación en Voz Natura, testará os bosques ribeiregos do río Arenteiro, en Ourense, segundo anuncia o seu coordinador Paulo Vázquez, cun seguimento especial á praga que sofre unha árbore como o ameneiro ou aliso, incansable filtrador de auga en primeira liña da canle. Pero tamén se deterán coa fauna, especialmente o teixugo ou tejón, animal de difícil avistamento que é vítima dun gran número de atropelos. Con cámaras de fototrampeo caseiras intentarán captar imaxes deste mamífero de hábitos nocturnos.