Voz Natura gana o premio Energy Globe España!
Voz Natura foi seleccionado como único gañador en España da edición 2014 do prestixioso Energy Globe Award, uns dos premios ambientais máis importantes a escala mundial, considerados como os Óscar do medioambiente e a sustentabilidade. O programa opta agora ao galardón a nivel internacional.
Máis de 1.000 proxectos presentáronse nesta edición 2014 en todo o mundo. Destas, 100 iniciativas foron premiadas co National Energy Globe nos diferentes países -entre elas, Voz Natura- e terán, grazas a este recoñecemento, a oportunidade de optar ao galardón internacional, o Energy Globe World Award, que a organización entregará o próximo outono.
Na súa traxectoria, os premios contaron co aval de personalidades como Kofi Annan, Mijaíl Gorbachov, Maneka Gandhi (ministra de Medio Ambiente da India) e diversos membros do Parlamento e a Comisión Europea.
O obxectivo dos galardóns é crear a concienciación global necesaria para xeneralizar o uso de enerxías limpas, libres de emisións contaminantes, así como as prácticas sostibles en diversas materias que teñen que ver co desenvolvemento das rexións. O galardón -concedido pola Fundación austríaca Energy Globe desde 1999- outórgase anualmente a proxectos centrados na eficiencia enerxética, as enerxías renovables ou a conservación dos recursos e estrutúrase en cinco categorías: aire, terra, auga, lume e mocidade (a través desta última presentouse Voz Natura).
O programa da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre -que este curso conta co patrocinio da Consellería de Medio Ambiente, a Deputación da Coruña, a Fundación Alcoa, a Fundación Ramón Areces e El Corte Inglés- ve así recoñecidos os seus 17 anos de compromiso coa natureza nos que miles de escolares de toda Galicia realizaron máis de 3.300 proxectos de acción ambiental nos ecosistemas de Galicia.
Gala final
O 7 de maio, o conselleiro comercial da embaixada de Austria, Michael Spalek, entregará o premio no marco da Feira Internacional de Medio Ambiente e Renovables Genera 2014, en Madrid. Posteriormente, o 5 de xuño, os proxectos gañadores en cada país serán presentados publicamente coincidindo coa conmemoración do Día Mundial do Medio Ambiente de Nacións Unidas e, xa no outono, celebrarase unha gala en Austria na que se dará a coñecer os gañadores a nivel mundial, premiados con 10.000 euros. Os galardóns entregaranse nunha cerimonia retransmitida pola televisión pública de Austria e vista por millóns de persoas en todo o mundo.