CAST | GAL

Voz Natura concede o premio Galicia do seu 25 aniversario ao CEIP A Lama

 
Voz Natura naceu no curso 1997-1998. Un dos 110 colexios que se animou a participar naquel momento foi o da Lama (Pontevedra). Agora, 25 edicións despois e con 365 centros involucrados no curso 21-22, este CEIP foi seleccionado como gañador do premio Galicia do programa de La Voz de Galicia, desenvolvido pola Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre. O fallo do comité científico faise público hoxe coincidindo coa conmemoración do Día Mundial do Medio Ambiente.

A súa traxectoria foi un dos motivos para facerse co galardón. Non sólo por levar 25 anos ininterrompidos participando, se non por facelo moi ben sendo «capaces de involucrar a toda a comunidade educativa e de xerar un gran impacto social», segundo a acta do comité.

O proxecto premiado titúlase «Estamos a monte». Contou coa participación dos 80 alumnos do centro, coordinados polo profesor Rafael Sánchez-Agustino. Entre outras actividades, crearon un invernadoiro con botellas de plástico, plantaron un viveiro de árbores no centro, participaron na compostaxe comunitaria, aprenderon a través dun taller de fotografía paisaxística e investigaron sobre ríos, montes e aves.

Pero, sobre todo, destaca a reforestación realizada nos montes da Lama con 500 exemplares de frondosas e piñeiros, en colaboración coa comunidade de montes, Medio Rural, o Concello, o ANPA, o distrito forestal, a asociación A Rente do Chan e o CEIP Manuel Cordo Boullosa.
O premio Galicia está dotado con 5.000 euros para desenvolver actividades ambientais, grazas ao patrocinio da Consellería de Medio Ambiente e Sogama.

O comité científico fallou, ademas, catro premios provinciais que implican 2.000 euros cada un e están patrocinados por Gadisa. O curso de Voz Natura que agora finaliza estivo apoiado pola Consellería de Medio Ambiente, a Deputación da Coruña, a Fundación Alcoa, El Corte Inglés e a Fundación Ramón Areces.

Os gañadores do curso 2021-2022


Premio Galicia: CEIP A Lama

«Estamos a monte». Todo o colexio da Lama, na provincia de Pontevedra, involucrouse nun traballo interdisciplinar e rigoroso, cun programa que incluíu actividades de investigación, intervencións no medio e accións para difundir o seu labor e concienciar a todas as familias e a súa comunidade.

A Coruña: IES de Arzúa
«Eco-conservación no IES de Arzúa». O equipo Voz Natura deste instituto implicou a distintos departamentos do centro nun traballo interdisciplinar, repleto de actividades distintas. Fixeron compost, acondicionaron rutas, analizaron as augas e os chans do seu municipio e puxeron en marcha diversos talleres no centro.

Ourense: CEIP Curros Enríquez
«Carballeira de Santa María». O centro gañador desta provincia está en Celanova. Alí, na Carballeira de Santa María, realizaron limpezas, estudaron flora e fauna e aprenderon a protexer a súa contorna. Ademais, levaron a cabo investigacións científicas, reciclaron e fomentaron o aforro enerxético no centro.

Lugo: CEIP de Cervo
«Rebelión na charca». A charca, o invernadoiro e os xardíns do centro son o epicentro do proxecto deste colexio integrado no programa Naturacción, patrocinado pola Fundación Alcoa coa colaboración da Consellería de Educación. Alumnos e profesores limparon a praia de Rueta e o río Xunco e difundírono a través das redes.

Pontevedra: CPR Sacro Corazón
«Sementa ideas, recolle futuro, vive san e medra ben». O colexio Sacro Corazón Praceres de Pontevedra leva o galardón por un traballo multidisciplinar e integrador. Limparon a praia dá Posta, estudaron flora e fauna e traballaron no horto e nos xardíns con gran implicación do alumnado de educación especial.

A Escola Infantil Vagalume, de Vilagarcía, mellor proxecto infantil
«O título deste proxecto é toda unha declaración de intencións e, sin duda, o resultado cumpre cos obxectivos que se propón». Así de contundente móstrase o comité científico á hora de valorar o traballo da Escola de Educación Infantil Vagalume de Vilagarcía de Arousa, premio ao mellor proxecto infantil deste curso polo traballo Coas raíces ben asentadas na terra. A través do horto, o invernadoiro, o coidado dos seus xardíns, o compost, a reciclaxe e a correcta separación de residuos, a participación en xornadas micolóxicas e o seu estupendo equipo de limpeza do patio e a praia, conseguiron sensibilizar aos seus alumnos sobre a importancia de coidar a natureza.

Como recompensa, recibirán 2.000 euros para futuros proxectos ambientais. O premio está patrocinado pola Consellería de Medio Ambiente e Sogama.

Galardón especial á mellor comunicación para o CRA Monterrei
Este curso 21-22 foi moi especial para Voz Natura. Ademais de celebrar 25 anos desde a creación do programa ambiental, La Voz de Galicia conmemora o seu 140 aniversario. Neste contexto, a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre decidiu conceder un galardón especial á mellor comunicación, é dicir, ao centro que mellor soubo contar o que fixeron en favor da natureza galega. O gañador foi o CRA Monterrei, un pequeno centro rural ourensán con aulas nas aldeas de Pazos (Verín), Vences e Vilaza (Monterrei). O premio está patrocinado por El Corte Inglés.

Ángela Quintana é a coordinadora do traballo «Comprometidos co medio ambiente». Un gran proxecto que contaron ao mundo a través do seu blogue, con vídeos en YouTube e unha intensa actividade en redes sociais. Traballaron e serviron de exemplo a toda a súa comunidade.