CAST | GAL

Voz Natura comparte as súas plantacións en redes sociais

 
En marzo, cambia a hora e os días alónganse. No hemisferio norte o inverno dá paso á primavera, as temperaturas suavízanse e comeza a época de plantar. E durante este mes, esta será a temática protagonista do Eco-reto de Voz Natura, programa de educación ambiental creado pola Voz e a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre e patrocinado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a Deputación da Coruña, a Fundación Alcoa, El Corte Inglés e a Fundación Ramón Areces.

Os Eco-retos son unha das actividades especiais realizadas polo 25.º aniversario do programa e teñen como obxectivo visibilizar as accións de protección ambiental levadas a cabo por cada un dos 365 centros educativos e asociacións que participan en Voz Natura. Cada mes, proponse unha tarefa e cada centro debe publicar e compartir os seus logros a través das redes sociais. Plantamos para preservar os nosos montes, bosques e xardíns, #RetoPlantamos, é o reto de marzo e as fotos e vídeos de sementes e pugas xa asolagan internet.

Desde o inicio de curso, os alumnos que participan nesta edición de Voz Natura tan especial limparon a natureza, investigado a flora e a fauna, reutilizado materiais en Nadal, divulgado sobre o medioambiente e aforrado enerxía. E o máis importante, fixéronse eco diso compartíndoo e animando a outros centros para participar. Porque desde o seu nacemento, fai un cuarto de século, ese é o verdadeiro espírito do programa educativo: impulsar a acción e concienciación ambiental.

Peche de inscricións

Con varias actividades especiais aínda pendentes, entre elas unha reforestación en Toén (Ourense) que reunirá a máis de 200 persoas, Voz Natura ten xa un ollo posto xa no próximo curso. E é que falta pouco máis dunha semana para que termine o prazo de inscricións para a que será xa a 26.ª edición. Todos aqueles centros e asociacións que queiran participar cos seus proxectos na iniciativa teñen ata o vindeiro martes, 15 de marzo, para realizar a súa solicitude a través do formulario en liña que está aloxado na web do programa.