Voz Natura se alía con Husqvarna para protexer ás aves
Voz Natura dedica este curso á protección dos montes galegos. Cada equipo participante interpreta ao seu modo a proposta temática e trasládaa ao seu proxecto a través de diversas accións. Así, ademais de limpar, plantar e reforestar, algúns traballan este curso na protección da fauna dos bosques, especialmente, das aves.
Estes equipos recibirán ao longo dos próximos días uns agasallos moi especiais e útiles. Husqvarna únese ao compromiso ambiental do programa da Voz, desenvolto pola Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, e repartirá entre os centros seleccionados un total de 2.000 caixas niño de madeira para favorecer o desenvolvemento das aves insectívoras.
Alumnos e profesores serán os encargados de colocar as caixas nas zonas onde están a desenvolver os seus proxectos, lonxe de ruídos, protexidos do vento e fóra do alcance de depredadores.
Con esta acción, Husqvarna quere repetir o éxito que tivo a súa colaboración con Voz Natura no curso 2008-2009. Fai xa dez anos, tamén entregaron centenares de caixas niño aos equipos Voz Natura. Estes niños, a día de hoxe, seguen dando acubillo aos paxaros en moitos puntos de Galicia.
Obxectivo: protexer a fauna silvestre
Fomentar a presenza de fauna silvestre, atraer polinizadores, axudar ás aves a nidificar e concienciar para respectar son algúns dos obxectivos dos colexios e asociacións que este curso traballan en temas relacionados coa ornitoloxía.
É o caso da Asociación Unión Ferrolana de Ornitoloxía, da Asociación Educativa y Cultural Animales del Mundo (Pontevedra) e da Aula de Natureza do Río Miño, en Ourense, entre outros. O caso da Aula da Natureza destaca, ademais, porque ofrece charlas sobre ornitoloxía aos centros ourensáns. #FaiGaliciaVerde.