Garda Civil e Voz Natura fomentan a conciencia ambiental
Voz Natura e a Garda Civil pon en marcha unha nova edición do seu plan conxunto para concienciar a nenos e mozos sobre a necesidade de coidar a natureza. A partir de hoxe, os 360 centros educativos que participan no programa poden xa solicitar á Garda Civil que visite o seu centro para falar cos alumnos sobre como protexer a natureza, como previr os incendios e, en xeral, explicarlles o labor que levan a cabo. Os axentes ofrecerán consellos prácticos e resolverán as dúbidas e curiosidades que poidan ter os estudantes sobre o coidado ambiental.
Os centros Voz Natura interesados en participar neste programa xa poden solicitalo. Para iso, deben descargar ESTE FORMULARIO, completalo e envialo á dirección de correo electrónico indicada no propio documento (distinta en función da provincia na que se atope o centro).
Unha vez recibida a solicitude, a Garda Civil porase en contacto con cada centro para confirmarlles a súa visita. As charlas teñen unha duración aproximada dunha hora e realizaranse ao longo de todo o curso escolar, adaptadas ás distintas idades e niveis educativos: infantil, primaria, secundaria, bacharelato, formación profesional ou educación especial.