CAST | GAL

Vixésima primeira edición (2017-2018)

As patrullas Voz Natura loitan contra os vertedoiros incontrolados

 
Nin campañas de concienciación nin puntos limpos nin recollidas de voluminosos a porta programadas polos concellos. Nada parece servir aos que seguen pensando que a beiravía dunha estrada, un monte ou calquera outro espazo natural é un bo lugar para tirar o lixo. E canto máis grande e contaminante, mellor. Colchóns, electrodomésticos, mobles e un longo etcétera de residuos seguen vendo pasar o tempo en centenares de vertedoiros incontrolados que poboan a xeografía galega.

Desde hai máis de 20 anos, moitos colexios e institutos de Galicia loitan contra esta situación. Fano como poden e coa axuda de Voz Natura, o programa ambiental de La Voz de Galicia desenvolvido pola Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre.

Ao longo da traxectoria do programa, é emblemático o traballo dos ecovigilantes do colexio Divina Pastora, de Ourense. Patrullas de escolares e profesores que montados nas súas bicis dedican o seu tempo libre a percorrer a súa contorna para localizar, denunciar e, mesmo, erradicar estes puntos de verteduras ilegais.

Os alumnos do CEIP Cabada Vázquez, da Estrada, limpan regularmente as verteduras dun dos afluentes do río Umia ao seu paso por Codeseda. O coordinador do proxecto, Antonio Barros, desenvolve esta actividade todos os anos co obxectivo de que o alumnado observe como sempre hai residuos que limpar a pesar dos seus esforzos. Grazas a estas saídas tamén coñecen a súa contorna máis próxima, cumprindo a máxima de que a mellor maneira de respectar e coidar o medio ambiente é coñecelo.

Recentemente, a Asociación Vaipolorío denunciou un vertedoiro incontrolado de Salcedo, á beira do río Gafos, en Pontevedra. E non quedaron curtos en buscar interlocutores, porque o puxeron en coñecemento de ADIF, Renfe, o  Concello de Pontevedra, Augas de Galicia e a xefatura provincial de Medio Ambiente.

Outro dos moitos exemplos de centros Voz Natura que traballan para acabar con esta secuela é o CEIP Viñagrande. O curso pasado realizaron un mapa virtual dos puntos negros de San Miguel de Deiro coa intención de enviarllo ao Concello de Vilanova de Arousa. Atoparon rodas e plásticos no monte, un sumidoiro vertiendo ao mar, residuos na praia e mala separación de residuos nos colectores. Ademais, crearon un decálogo de boas accións para reciclar, vídeos informativos e enquisas ás familias sobre os seus hábitos de separación de residuos domésticos.

El comité científico do programa, testemuña directa das verteduras durante as súas  viaxes
Recorrer Galicia de punta a punta dúas veces ao ano para visitar os 350 centros que participan este curso en Voz Natura dá para moito. Dá para comprobar como algúns ecosistemas van mellorando co paso dos anos, pero tamén para ver que os malos costumes non se perden.

Hai poucos días, o comité científico do programa estaba en ruta para compartir experiencias cos colexios da zona de Ferrolterra cando en plena viaxe non puideron menos que parar o coche e tomar a fotografía que ilustra esta noticia. Estaban a ser testemuñas directas dunha situación contra a que o programa leva anos loitando: un home coa súa furgoneta parada na beiravía -nun sitio para nada discreto, por certo, como se pode ver na imaxe- desfacéndose de dous colchóns. Ao pé da estrada e sen reparo algún, aproveitando un vertedoiro ilegal.

A escena produciuse en San Pedro de Leixa (Ferrol) pero, por desgraza, podía ser en calquera outro punto de Galicia. Desde o comité científico de Voz Natura aseguran que, ademais de perseguir estas condutas, é necesario seguir educando ás novas xeracións para xerar un profundo rexeitamento social contra estes actos. #FaiGaliciaVerde.