Voz Natura dedicará o próximo curso á preservación dos montes
Voz Natura xa se prepara para o próximo curso. Dedicará o ciclo 2018-2019 á preservación e o coidado do monte galego, entendido como fonte de riqueza fundamental e eixo vertebrador da saúde ambiental, social e económica da comunidade. Os colexios que queiran participar poderán rexistrarse a partir do 1 de febreiro no apartado «próxima edición» desta páxina web. Aínda que o tema central é o monte, os centros educativos interesados tamén poderán presentar propostas e traballos de calquera tipo de actividade ambiental. Valoraranse especialmente aqueles traballos de acción directa, como recuperación de zonas degradadas, reciclaxe e desenvolvemento sustentable.
Galicia ten aproximadamente 2 millóns de hectáreas forestais, das cales 1,4 millóns son arborizadas e o resto é monte raso. O 98 % deste terreo está en mans privadas. Por unha banda están os montes veciñais, que ocupan o 30 % da superficie forestal, cunha media de 250 hectáreas cada unha. Por outro, hai máis de 670.000 propiedades particulares cunha posesión media menor de dúas hectáreas. O abandono de grandes zonas rurais está a propiciar unha transición a un novo modelo que está aínda por definir.
O obxectivo de Voz Natura é que as futuras xeracións saiban xestionar a situación tentando que non se perda patrimonio natural e biodiversidade. Os colexios poden optar por accións como a protección e coidado dos bosques de ribeira, limpeza de ríos e reforestación ás marxes dos mesmos. Outra alternativa é a recuperación e posta en valor de montes autóctonos e a loita para que conten cunha protección oficial de fronte ao futuro. A creación de cintos verdes que protexan as explotacións de especies con maior capacidade invasora ou pirófita (eucaliptos, piñeiros...) dos bosques autóctonos ou os espazos habitados (pobos, estradas, os propios centros escolares) é tamén unha gran opción para os centros, xa que son medidas que frean a colonización e evitan os incendios. Tamén se pode actuar sobre os vertedoiros incontrolados, localizándoos para erradicalos. Ademais, tamén é importante incidir na concienciación e sensibilización sobre as problemáticas dos incendios forestais, producidos por unha combinación de factores xeralmente desencadeada por queimas neglixentes, intencionales ou xeradas polo abandono do territorio.