VISITAS GUIADAS AO MUNCYT DE A CORUÑA
A caixa de cristal da ciencia volve abrirse para recibir as visitas dos centros que participan este curso en Voz Natura. A Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre subscribiu un novo acordo coa Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía, o que permitirá que por sexto ano os alumnos poidan participar nas visitas guiadas ao Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía (Muncyt) da Coruña.
Alí poderán descubrir un dos espazos divulgativos máis atractivos do territorio nacional, cuxo interior alberga desde a lanterna que durante anos alumeou a torre de Hércules ata a cabina do Boeing 747 no que regresou a España o famoso Guernica de Pablo Picasso. Na cámara do tesouro achegaranse ás pezas máis antigas e valiosas do Muncyt, no que tamén é posible ver como evolucionaron todos os obxectos cotiáns, desde un teléfono a unha televisión.
O obxectivo desta iniciativa é expandir o coñecemento científico e fomentar o espírito investigador entre as novas xeracións, á vez que se brinda un perfecto complemento ao traballo que realizan os alumnos nos centros involucrados no programa ambiental, xa que, ademais de percorrer as instalacións museísticas, estes participarán nun interesante taller no que traballarán en propostas relacionadas co patrimonio etnográfico galego, o tema central en torno ao cal vira esta vixésima primeira edición.
A actividade está dirixida a alumnos de educación infantil, primaria, ESO e bacharelato. O contido das visitas será adaptado en función do nivel de cada grupo en distintos itinerarios, guiados polo equipo de divulgadores do museo.
Os grupos dividiranse en dous, cun máximo de 25 participantes por actividade, de 45 minutos de duración cada unha delas. Mentres uns realizan o percorrido polas distintas salas do Muncyt, a outra metade dedícase ao taller sobre etnografía. E, ao acabar, intercambian os papeis.
Para participar
Todos aqueles centros interesados en sumarse ao programa de visitas gratuitas ao Muncyt poden facer desde agora a súa reserva a través da propia web do museo (accede aquí) especificando, no apartado de observacións do formulario que deben encher, que participan na actual edición de Voz Natura. Este poderase cubrir e enviar directamente ou remitilo máis tarde por correo electrónico (reservascor@muncyt.es) ou por fax (916 038 968).
Os grupos escolares terán á súa disposición, durante a súa visita, un espazo para comer que tamén poderán reservar en caso necesario. Os nenos deberán traer a comida de casa e terán as portas abertas da sala denominada Pícnic. Por outra banda, o Muncyt ten unha zona para gardar os abrigos e mochilas mentres fan o percorrido.