Un programa pola terra, en Radio Voz

As principais asociacións ecoloxistas de España elaboraron un documento conxunto con propostas ambientais de face ás próximas eleccións xerais. Voz Natura en Radio Voz analizou o pasado domingo as principais demandas recollidas neste texto, xa presentado ao presidente do Goberno, José Luis Rodríguez Zapatero.
Theo Oberhuber, coordinador de Ecoloxistas en Acción, interveu no programa para detallar as reivindicacións ambientalistas recollidas en Un Programa pola Terra. Oberhuber asegurou que Rodríguez Zapatero se comprometeu a estudar estas propostas para valorar a súa incorporación ao programa electoral do PSOE, tras o encontro mantido as semana pasada.
Entre as 84 reivindicacións recollidas no documento, destacan as medidas para loitar contra o cambio climático, así como, o establecemento dun calendario para o peche das centrais nucleares —un compromiso do Goberno que non chegou a cumprirse esta lexislatura—. En Radio Voz falouse tamén do chamado céntimo ecolóxico e da política urbanística española.
No programa do pasado domingo, tamén participou Luis García Mañá, xefe superior de Policía de Galicia, para explicar o seu punto de vista sobre os problemas ambientais de Galicia.
No tempo dedicado aos centros participantes no programa ambiental Voz Natura, o protagonista foi o coordinador do colexio Jaime Balmes, de Noia.