CAST | GAL

ACTUALIDADE

Volver

 

Aspronaga emprende unha guerra sen cuartel contra a velutina


Estes días, o profesor Juan Fernández López, do CPR Nosa Señora de Lourdes (Aspronaga da Couña), non se lle pilla nin nas verzas nin nas patacas, por empregar dúas expresións populares. Píllaselle colocando trampas para as velutinas, unha actividade intensa e na que tanto el como os seus alumnos parecen gozar de xeito abondo.

E por que esas présas? «É agora mesmo cando hai que facelo, cada cousa ten o seu tempo e leste é o de colocar as trampas», di Juan Fernández. E en efecto, todos os técnicos que loitan para erradicar esta especie invasora coinciden en que o momento é este e non outro.

Pero, por que? Porque é agora cando as abellas reinas empezan a desenvolver o traballo que a natureza lles ha sinalado. O método de control máis eficaz é o trampeo primaveral (ou a destrución do niño, claro), que leva a cabo entre febreiro e maio. Pero esperar a case o final de curso é, simplemente, un erro no que non deben caer os centros participantes en Voz Natura,

«O noso proxecto dentro de Voz Natura —explica Juan Fernández— denomínase Construción e colocación de trampas para velutinas empregando a impresión 3D, e na actualidade participan cincuenta alumnos». A ignorancia fai que ao preguntar por cantas trampas están a colocar («Unha ducia?») sorría: «Durante o primeiro trimestre deste curso os alumnos construíron máis de duascentas».

Niso están. Acaban de empezar e xa colocaron quince na leira que Aspronaga ten en Lamastelle (municipio coruñés de Oleiros). «Tamén repartimos, ata o de agora vinte, a particulares, familias dos alumnos, alguén que nos vén a visitar… —continúa o profesor—. Puxémonos en contacto con distintas asociacións e entidades como a protectora Gatocan, en Coirós, á cal lle levamos dezaseis e proximamente visitaremos o CEIP Isidro Parga Pondal de Santa Cruz onde, ademais de dar unha charla aos mozos, levarémoslles corenta trampas que nos pediron distintas familias do propio centro».

E iso, o exemplo que está a dar o CPR Nosa Señora de Lourdes, debe ser o sinal para que todos os centros que participan en Voz Natura coloquen as súas trampas. Neste caso, e en xeral sempre, ser previsor é unha virtude.