CAST | GAL

ACTUALIDADE

Volver

 

Entroido á vista, reciclaxe garantida en Voz Natura


Entroido á vista, festa asegurada. Inventiva asegurada tamén. Polo menos en multitude de centros educativos que participan en Voz Natura este curso (por certo, xa está aberta a inscrición para o próximo, toda a información en voznatura.com).

E aínda que cortar o gasto e consumo no Nadal xa pasado non está a resultar un óso fácil de roer, o facelo nestas festas tan populares en Galicia xa é fariña doutro costal. Por unha sinxela razón: numerosos mestres levaron ás aulas a reciclaxe pura e dura, como fixeron no colexio Mariano de Vigo reutilizando as caixas do comedor para facer os disfraces, coordinados pola profesora María Estévez.

Unha das infatigables é Conchita Pérez, do CRA pontevedrés de Vilaboa. «Este é un centro que segue fiel ao seu espírito sostible e traballa nas súas cinco escolas por manter as tradicións e  demostrar que outro entroido é posible: un sen gastar e sen contaminar, un entroido que respecte o  medio no que vivimos».

E como? A directora das escolas de Barciela, Bértola, Figueiroa, Paredes e Pousadas —ou sexa, do CRA— teno claro: «En consonancia co proxecto anual sobre a flora e a fauna autóctona promovido por Voz Natura, o alumnado escolleu disfrazarse de animais tradicionais da contorna». E que animais? «Buhos, morcegos, ourizos ou tamén caracois», apunta a profesora. As familias botan unha man, por suposto («Isto vai ser un éxito», engade Conchita), e todos os materiais que empregan son reciclados, co cartón como base dos disfraces.

«Cando se aproxima o Entroido, no noso centro cambian algunhas dinámicas —reflexiona Inés Castro, do CEIP Plurilingüe Santa Rita, de Galdo (Viveiro)—. Ao murmurio dos nenos e nenas, ás risas de fondo ou as carreiras clandestinas polos corredores únese o ruído das máquinas de coser e o ruxerruxe das tesoiras deslizándose por xornais, cartóns e teas».

A que se refire? Pois nin máis nin menos a como profesores, pais e alumnos preparan o Entroido con materiais reciclados: «É sorprendente entrar nos talleres de familias e observar a  transformación dun saco de patacas ou dunha caixa de embalaxe. Abraia ver como o noso souto vai cobrando vida en cada aula grazas aos materiais de desfeito e as teas, afastando,  unha vez máis, o plástico neste proceso», engade Inés Castro, a coordinadora de Voz Natura nese centro.

Este colexio de Galdo, ademais, participa en Naturacción, programa de Voz Natura patrocinado pola Fundación Alcoa co respaldo de Alcoa San Ciprián e a colaboración da Consellería de Educación.

E noutros centros educativos que participan en Voz Natura a semana de celebración do entroido arrincará, cos alumnos e profesores  pendentes das ordes que irá dando O Meco, personaxe tradicional galego que cada día da  semana ordenará a todo o colexio o que teñen que facer para celebrar un divertido entroido que, por suposto, será sostible e ecolóxico.

Así que comezan estas pequenas e festivas vacacións. Os profesores de Voz Natura seguro que acaban esta semana esgotados. O cal non quita que non vaian ser os primeiros en disfrazarse. Chega o Entroido!