CAST | GAL

ACTUALIDADE

Volver

 

Vinte e sete anos de educación ambiental analizados polos seus protagonistas


O mércores é o Día Mundial da Educación Ambiental, e na Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre sempre se celebra. De paso bótase a vista atrás e vese o traballo realizado —grazas a miles de colexios, profesores e alumnos— desde que hai máis de dúas décadas e media botou a andar Voz Natura, iniciativa de La Voz de Galicia e a súa fundación que conta co apoio da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a Deputación da Coruña, a Fundación Alcoa, O Corte Inglés, a Fundación Ramón Areces e Inditex.

José Antonio Díaz, membro do comité científico de Voz Natura e o primeiro dinamizador que tivo o programa, e cuxas constantes andanzas por Galicia fixeron que o coñezan en practicamente todos os centros de norte a sur e de leste a oeste do país, rememora tempos pretéritos: «A propiedade da Voz, o medio de comunicación máis importante de Galicia, era moi consciente de que había que reaccionar #ante os problemas ambientais que, por falta dunha educación adecuada, empezaban a mostrar a deterioración do noso medio».

Fai unha pausa e engade: «Para os que empezabamos a coordinación desa marabillosa aventura, foi unha agradable sorpresa recibir, nada máis arrincar, cento vinte proxectos dos centros». Outro Díaz, Alejandro, portavoz do devandito comité científico, achega o seu punto de vista, moi influído pola actualidade que vive día a día: «O certo é que a traxectoria do programa transformou a realidade de Galicia profundamente».

E engade unha anécdota que, na súa opinión, exemplifica eses 27 anos transcorridos: «Atopámonos varios coordinadores de proxectos Voz Natura que no seu día participaron como alumnos, agora son profesores que plantan novos exemplares de árbores e coidan aqueles que plantaron hai dous decenios sendo nenos». Para el, «iso ten un significado moi potente: a educación ambiental crea persoas máis comprometidas co coidado do planeta».

José Antonio móstrase satisfeito do percorrido desde aqueles días en que «en La Voz de Galicia pensaron localmente para influír globalmente, e propuxeron a todos os colexios do país que se unisen nesta idea de introducir a educación ambiental no propio currículo do centro».

«A protección do medio ambiente é un eixo fundamental na educación, e os centros escolares xa non poden entender o seu día a día sen ela», reafirma Alejandro. É este quen pon o punto final: «Melloramos, pero aínda quedan moitos retos por diante porque os problemas son cada vez maiores e máis perentorios, así que temos que seguir concienciando a través da acción directa». E José Antonio Díaz remacha: «Cando unha idea é boa, a motivación é un potente motor que facilita o seu desenvolvemento. E Voz Natura era e é unha idea excelente».