CAST | GAL

ACTUALIDADE

Volver

 

Un centro educativo que é exemplo de como se protexe o patrimonio


Foi o xoves, 16 de novembro, cando se celebrou o Día Mundial do Patrimonio Etnográfico e, un dos centros educativos que máis destaca, porque levan moitos anos traballando na protección do patrimonio material e inmaterial da súa contorna, é o CEIP Plurilingüe de Campanario (Baroña-Porto do Son. A Coruña).

O proxecto que realizan este curso está centrado fundamentalmente na sensibilización, concienciación, preservación, coidado, estudo e difusión do noso patrimonio etnográfico e natural  e, por suposto, da flora e fauna da súa contorna, que é o tema central da presente edición de Voz Natura. 

E no CEIP de Campanario está a infatigable María del Carmen Lago, quen ratifica o que todo o mundo sabe nesa comarca: «Este é un centro moi involucrado nos programas de educación ambiental, e ano tras ano, gústanos contribuír á preservación, coidado e difusión dos nosos  espazos patrimoniais e naturais, tanto materiais como inmateriais». Cando se lle pregunta cales son, engade: «Petroglifos, castros, muíños, fontes, lavadoiros... e tamén a toponimia e as  tradicións e costumes do lugar».

Buscan sempre unha relación máis directa entre os alumnos e a natureza «co seu coidado  e aproveitamento —explica María del Carmen Lago—, coa súa limpeza e conservación, e, por suposto,  sempre valorando as tradicións culturais e económicas desta parroquia».

De maneira que, un curso máis, continúan levando a cabo múltiples actividades no castro de Baroña como limpezas e repoboacións. Tamén investigan e colaboran coa comunidade e asociacións culturais da zona. Xa realizaron varios roteiros e visitas á praia e a profesora dá un dato optimista e pesimista ao mesmo tempo: a praia, na que xa estiveron hai pouco, atopábase aceptablemente limpa; o camiño de descenso ata ela, xustamente o contrario. Non se desanima: «Hai que seguir concienciando».

No CEIP non paran, e estes días están a preparar unha intervención no lugar coñecido como A Estacada, en Porto do Son. En concreto, «unha instalación artística para sensibilizar e convidar á reflexión neste 25N». E así, zapatos morados «representan a todas as mulleres vítimas da  violencia machista», en palabras da profesora. Trátase, en resumo e tamén segundo ela, de «unir forzas para un mundo libre de violencia».